MARZO - 2008
- Nova Iluminación Pública na Avenida Buenos Aires
Xa están en marcha os traballos para a instalación da nova iluminación pública na Avenida Buenos Aires, actuacións previstas no Plan de Melloras de Iluminación Pública elaborado polo Concello da Laracha, cun valor total estimado de 150.000 euros, que será financiado integramente con fondos propios municipais.
Deste xeito colocaranse novos báculos de luz no tramo que vai desde o cruce coa estrada da Deputación ata a entrada do colexio Otero Pedraio.
O Concello da Laracha está realizando numerosas actuacións na Avenida Buenos Aires, vía moi concorrida por peóns e vehículos ao dar acceso ao CEIP Otero Pedraio e á Igrexa Parroquial de Vilaño. Ademais destas melloras na iluminación pública, reconstruíronse as beirarrúas en ambas marxes da estrada e realizouse a canalización subterránea do servizo de telefonía. As obras finalizarán con outras dúas actuacións previstas: a retirada do cableado aéreo e a pavimentación con aglomerado asfáltico en quente que se realizará en próximas datas, cando as condicións climáticas sexan favorables.
O orzamento total das obras que se están a realizar na Avenida Buenos Aires supera os 100.000 euros.
- O Concello Solicita a Construción dun Novo Edificio Administrativo
A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha, reunida este venres en Sesión Ordinaria, acordou solicitar á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia unha subvención para a construción dun novo edificio administrativo que se levantaría no terreo onde se sitúa a antiga Cámara Agraria.
O Concello da Laracha adquiriu, para tal fin, esa parcela -que era propiedade da Xunta de Galicia- e xa ten realizada a valoración e o anteproxecto dese edificio, que é necesario tendo en conta a implantación dos cada vez máis numerosos servizos que se ofrecen e que se están situando na propia Casa Consistorial, tales como as oficinas de información xuvenil e a do consumidor, o Centro de Información á Muller (CIM), o servizo de normalización lingüística, ampliación dos servizos de urbanismo, cuartel da policía local... Un novo edificio administrativo ofrecería unha maior comodidade para realizar esas labores e iso beneficiaría tanto aos traballadores como aos veciños. Estímase en 1.309.785 euros o investimento a realizar para a construción dese novo edificio, que contaría cun soto, planta baixa e tres plantas.
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, xa aproveitara a visita institucional da Delegada Provincial da Consellería de Presidencia, Aurora Moinelo, o pasado día 23 de outubro de 2007 para solicitarlle a construción deste novo edificio administrativo. Agora a petición faise de xeito oficial unha vez anunciada no DOG unha subvención adecuada.
Así mesmo, o Concello solicitará outras dúas subvencións á Xunta de Galicia:
- Á Consellería de Cultura e Deporte, ao abeiro da orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a realización de obras de infraestrutura deportivas, solicítase unha axuda de 334.056,80 euros para a ampliación dos espazos deportivos complementarios á piscina municipal. O Concello pretende ampliar o ximnasio existente e construír un novo ximnasio de fitness e pesas de 222 metros cadrados de superficie para poder mellorar a calidade do servizo que se ofrece aos usuarios.
- Á Consellería de Innovación e Industria, ao abeiro da orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a modernización de equipamentos comerciais (liña MERCA), solicítase unha axuda por un importe de 59.967,39 euros para realizar diferentes melloras no recinto feiral de Paiosaco, como a ampliación da zona dedicada a produtos do campo e actuacións no medio para mellorar a capa de rodadura do firme.
Certificación de Obra
Aprobouse a certificación terceira da obra “Estrada A Laracha-Cerceda” por un importe de 182.228,11 euros.
Licencias urbanísticas
Concedéronse 3 licencias urbanísticas maiores (unha delas para a construción de catro vivendas unifamiliares adosadas) e 23 menores.
Actividades clasificadas
Acordouse remitir un informe previo a Medio Ambiente para a instalación dunha perruquería e conceder unha licenza de apertura dunha carpintería de madeira.
Facturas
Aprobáronse facturas por un importe total moi próximo aos 90.000. Salientar o pago do cuarto trimestre de 2007 á empresa Aquagest dos servizos de abastecemento e saneamento de auga.
- Gran Acollida da Viaxe á Romaría Fray Pedro
Preto de 300 persoas participarán este domingo, 30 de marzo, na viaxe á Romaría Fray Pedro que organiza o Departamento de Servizos Sociais do Concello da Laracha para os veciños maiores, xubilados e pensionistas.
Fretáronse para o transporte un total de cinco autobuses que partirán ás 8.30 horas da Praza do Concello e da Praza Eduardo Vila Fano de Caión con destino a Betanzos. A xornada, ademais da participación na Romaría Fray Pedro, inclúe o xantar no Restaurante Náutico de Razo e a participación nunha actividade de baile de salón.
- O Pleno Acorda a Cesión dos Terreos Para o Centro de Día por Unanimidade
O Pleno da corporación municipal da Laracha aprobou por unanimidade este mércores a cesión dunha parcela de 5.000 metros cadrados, situada na 1ª Travesía Eusebio Bértoa Queijo (xunto ao cuartel da Garda Civil), para a construción dunha mini-residencia para maiores con centro de día.
A creación deste novo edificio acordouse grazas ás xestións do alcalde, José Manuel López Varela, e o seu grupo do goberno e trátase da actuación principal solicitada polo Concello para integrarse no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e do Benestar despois de que A Laracha asinase un protocolo de colaboración en materia de servizos sociais con Vicepresidencia da Xunta de Galicia que supoñía a cooperación das dúas entidades na construción, mantemento e xestión da residencia para maiores e centro de día e na mellora das obras, dotación de equipamento e canalización dos diferentes servizos do centro de atención á primeira infancia da Laracha e a súa posta en funcionamento.
O alcalde aproveitou este punto para avanzar que a próxima semana se abrirá o prazo para que as persoas interesadas en traballar na gardería municipal se inscriban para participar nas probas selectivas.
Tamén houbo unanimidade nos seguintes tres puntos da Orde do Día:
- Ampliación da delegación de competencias en materia tributaria e de recadación na Deputación Provincial da Coruña por outros dez anos máis, ata 2022, cunha mellora nas achegas mensuais do Concello do 80 ao 90 por cento.
- Liquidación do orzamento do exercicio 2007, que deixa un remanente de tesourería de 351.600 euros para gastos xerais.
- Elección de José Ramos Paz como xuíz de paz substituto.
Mocións
A proposta do grupo do Partido Popular, aprobáronse tres mocións, coas que se acordou:
- Instar á Conselleira de Sanidade da Xunta de Galicia a que cumpra co protocolo de colaboración asinado o 16 de xuño de 2005 entre a Deputación Provincial da Coruña e o Servizo Galego de Saúde, no que se identifica un investimento previsto do SERGAS por un importe de 465.000 euros para a construción dun novo centro de saúde en Caión. Este consultorio médico se situaría nunha parcela de 210 metros cadrados que a Confraría de Pescadores, propietaria dos terreos, cedeu ao Concello trala aprobación do PXOM e do convenio urbanístico incorporado para a urbanización do Campo da Ínsua. A moción aprobouse por unanimidade.
- Instar, novamente, á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a que conceda unha oficina de farmacia para o núcleo de Paiosaco. A moción aprobouse por unanimidade.
- Instar á Xunta de Galicia a que cree o grupo do GRUMIR no Concello da Laracha en base á poboación do municipio (11.120 habitantes), o elevado número de núcleos rurais (máis de 300, dispersos nas 13 parroquias), a importante densidade de tráfico que sofre A Laracha ao estar atravesada pola estrada C-552 e ao ter unha amplísima rede viaria no concello e a gran masa forestal existente, que pode presentar un perigo para os incendios. A moción aprobouse cos votos a favor do grupo dos populares e dos nacionalistas e a abstención dos socialistas.
A proposta do grupo dos nacionalistas, aprobouse por unanimidade unha moción coa que se acordou manifestar o apoio da Laracha ao pobo saharaui, expresar a condena pola ocupación ilegal por parte de Marrocos do Sáhara Occidental e reclamar a súa descolonización definitiva. Acordouse, así mesmo, establecer un irmanamento cunha daira saharaui, desenvolver campañas de información e sensibilización social no Concello e cooperar coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.
Renuncia á condición de Concelleiro de D. Xosé Antón De La Fuente Subiela
O pleno pechouse coa renuncia de Xosé Antón De La Fuente Subiela á condición de Concelleiro despois de 13 anos como líder do BNG da Laracha. Trala formalización desta despedida, a nova concelleira do grupo nacionalista será Mónica Castro Nogareda.
- O Concello Participa no Programa “Vivir o Mundo”
O Concello da Laracha participará no programa “Vivir o Mundo”, dirixido a rapaces de entre 10 e 14 anos, que organiza a Deputación Provincial da Coruña e que este ano consiste nunha viaxe cultural de catro días a Zaragoza no vindeiro mes de xuño.
A cota de inscrición é de 85 euros e a viaxe inclúe o desprazamento, estancia e manutención en réxime de pensión completa, visitas culturais (Expo Zaragoza 2008, Basílica do Pilar, Catedral da Seo e ao Palacio da Aljafería), presenza de persoal cualificado para o desenvolvemento da actividade e un seguro de accidentes e responsabilidade civil.
A finais do mes de abril, e unha vez coñecido o número de prazas das que disporá o Concello da Laracha, abrirase o prazo de inscrición para participar nesta actividade. Se o número de solicitudes é superior ao das prazas concedidas á Laracha, realizarase a selección mediante sorteo público.
- Pago da Expropiación de Mutuo Acordo de Terreos en Caión
Este martes, na Casa Reitoral de Caión, comezarase a realizar, a partir das 10.00 horas, o pagamento das expropiacións de mutuo acordo dos terreos afectados pola ampliación da senda peonil do borde da praia de Caión. O mércores e o xoves completarase este proceso de pago.
Desde o Concello da Laracha lembramos aos interesados que o pago se fará ás persoas que figuren como propietarias dos bens expropiados, admitíndose representación unicamente por medio de poder debidamente autorizado.
Trala adquisición dos terreos, o Concello estará en disposición de executar unha importante obra que suporá unha continuidade da actual senda peonil ata o límite co veciño municipio de Carballo. Tamén está prevista a realización doutras actuacións, como a ampliación do aparcamento da praia, a construción dun edificio de servizos con aseos, local de socorrismo e salvamento e o acondicionamento de distintas áreas de esparexemento e descanso nas proximidades do acceso principal. Con todo elo se pretende potenciar o gran atractivo natural da zona e ofrecer as maiores comodidades e servizos aos veciños de Caión e aos moitos visitantes que se achegan á vila, especialmente na época estival.
- Sesión Ordinaria do Pleno
Este mércores, día 26 de marzo, celebrarase a Sesión Ordinaria do Pleno a partir das 13.30 horas.
Trataranse os seguintes asuntos incluídos na Orde do Día:
1.- Aprobación, se procede, das actas de sesións anteriores.
2.- Cesión de uso de terreos ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a construción dunha mini-residencia para persoas maiores con centro de día.
3.- Ampliación da delegación de competencias en materia tributaria e de recadación na Deputación Provincial da Coruña.
4.- Dar conta da liquidación do orzamento do exercicio 2007.
5.- Elección do xuíz de paz substituto.
6.- Mocións, rogos e preguntas.
7.- Renuncia á condición de concelleiro de D. Xosé Antón De La Fuente Subiela, do grupo municipal do BNG.
- Oficina de Información Xuvenil
A Oficina de Información Xuvenil da Laracha está a disposición dos veciños do Concello para recoller documentación e tramitar diferentes solicitudes.
Axudas a universitarios para estadías en estados da UE para aprender idiomas
Esta axuda, dirixida ao alumnado matriculado en calquera das tres Universidades de Galicia, ten por obxecto sufragar parte dos gastos ocasionados polas viaxes e estadía nalgún estado membro da Unión Europea que se realizan para coñecer a lingua dese país.
A contía da axuda dependerá do expediente académico, cun importe mínimo de 250 euros e máximo de 700. O prazo de presentación de solicitudes finaliza o vindeiro 15 de abril.
Bolsas para deportistas da provincia da Coruña
Trátase dunhas bolsas dirixidas a deportistas coruñeses de idade comprendida entre os 14 e os 21 anos. A convocatoria, da Deputación da Coruña, ten por finalidade apoiar a práctica e o rendemento deportivo nas etapas de iniciación e posibilitar a participación dos mozos con talento en eventos deportivos e facilitarlles unha preparación integral axeitada.
Segundo a idade dos solicitantes establécense dous grupos:
- Grupo A: 14-17 anos cumpridos antes do 31 de decembro de 2008. Concederanse 13 bolsas de 2.000 euros cada unha delas.
- Grupo B: 18-21 anos cumpridos antes do 31 de decembro. Concederanse 13 bolsas de 3.000 euros cada unha.
Os solicitantes deberán ter residido na provincia durante os últimos catro anos. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro día 31 de marzo.
Axudas para estudantes non universitarios para mercar un ordenador persoal
Ata o 11 de abril os alumnos de niveis non universitarios matriculados neste curso 2007-2008 nalgún centro educativo de Galicia sostido con fondos públicos poden tramitar a súa solicitude de axuda de 300 euros para mercar un ordenador persoal.
Campaña Verán 2008
Xa está aberto o prazo de presentación de solicitudes para inscribirse no programa Verán 2008, dirixido a rapaces e rapazas de entre 9 e 17 anos de idade.
Poderá solicitarse a participación en actividades e campamentos de verán tanto na comunidade autónoma de Galicia como en outros lugares de España.
A data límite para presentar as solicitudes remata o día 11 de abril
Primavera Activa
Dirixido a mozos de idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos, “Primavera activa” é un programa con actividades de lecer e tempo libre que se leva a cabo en diferentes casas rurais de Galicia nas fins de semana dos meses de marzo, abril e maio.
En cada unha das fins de semana o número máximo de participantes é de 24 persoas e o prezo por praza é de 60 euros. O programa inclúe o aloxamento en casas de turismo rural, manutención completa, programa de actividades (con equipo de monitores e material para o seu desenvolvemento) e o transporte desde a casa rural ata o lugar onde se realizan as actividades.
Existen ata 13 programas diferentes coas súas respectivas actividades, entre as que destacan os roteiros naturais, rutas en kaiak, sendeirismo, rafting, pesca deportiva, voo en ultralixeiro, visitas culturais...
Curso de seguranza viaria
A Oficina de Información Xuvenil tamén informa sobre o curso de seguranza viaria “Agárrate ao asfalto”, dirixido a mozos de entre 18 e 35 anos e que ten por finalidade achegar aos participantes coñecementos nesta materia e un uso responsable do automóbil.
O programa consta de dúas partes: un curso en liña con contidos vía internet de 75 horas de duración e, unha vez superado este, realizarase a parte práctica, dunha duración de 4 horas.
O prezo é de 50 euros por praza. Os participantes deben posuír o carné de conducir tipo B e ter acceso a internet.
- Remata o Prazo de Inscrición Para os Cursos de Galego Celga 3 e Celga 4
Desde o Concello da Laracha lembramos que o vindeiro venres día 14 de marzo rematará o prazo de preinscrición para os cursos preparatorios para a adquisición dos certificados en lingua galega da formación de adultos Celga 3 e Celga 4.
Estes cursos forman parte do novo sistema de formación de adultos, que substitúe aos anteriores cursos de iniciación e perfeccionamento.
As persoas interesadas deben presentar, debidamente cuberta, a solicitude que lle entregarán no servizo de normalización lingüística do Concello, que deberá ir acompañada por unha fotocopia do DNI.
O horario de atención ás persoas interesadas en realizar estes cursos é de 10.00 a 14.00 horas.
- “Cinemas Dixitais” de Documentais
“Cinemas Dixitais” é unha iniciativa da Axencia Audiovisual Galega coa que se pretende a promoción e difusión das producións non comerciais galegas coa creación dunha rede alternativa de exhibición en soporte dixital ao longo da xeografía da nosa Comunidade Autónoma á maneira do cinema tradicional.
O programa das proxeccións no Concello da Laracha é:
- 28 de Marzo: “A casa de Lola de Andrés”. Tema: Urbanismo e Vivenda. Duración: 34’
- 4 de Abril: “Historia dunha parroquia”. Tema: Sociedade. Duración 55’
- 18 de Abril: “Fronteiras”. Tema: Sociedade. Duración: 58’
- O Concello Organiza unha Viaxe á Romaría Fray Pedro
O Departamento de Servizos Sociais do Concello da Laracha organiza unha viaxe -dirixida aos veciños maiores, xubilados e pensionistas- a Betanzos o vindeiro domingo 30 de marzo para acudir á Romaría Fray Pedro.
Os interesados deben realizar a súa inscrición dirixíndose aos centros da terceira idade da Laracha (edificio de Servizos Múltiples) ou de Caión (Casa Reitoral).
O custo da inscrición é de 16 euros, cos que se pagarán os gastos da viaxe de ida e volta en autobús, comida no Restaurante Náutico de Razo e participación nunha actividade de baile de salón.
- O Concello Acondiciona unha Parcela en Paiosaco Destinada a Aparcadoiro
Este mércores iniciáronse os traballos de acondicionamento dunha parcela de 4.000 metros cadrados de superficie en Porta Santa (Paiosaco) para destinala a aparcadoiro de vehículos. Esta actuación é un exemplo máis da preocupación do Concello da Laracha por potenciar a feira de Paiosaco, xa que este aparcadoiro se habilitará nunha zona estratéxica: entre Porta Santa e a Avenida Bergantiños, é dicir, na marxe esquerda da estrada C-552 dirección A Laracha e moi preto do propio campo da feira.
Grazas a esta estréxica situación, o terreo dará servizo a un gran número de vehículos, favorecerá a fluidez de tráfico, mellorará a seguridade viaria na zona e facilitará os accesos á feira do numeroso público que concorre á mesma cada quince días, no primeiro e terceiro domingo de cada mes.
- Obradoiro de Primeiros Auxilios no IES Agra de Leborís
No IES Agra de Leborís estase celebrando a Semana da Cultura desde o pasado luns. Estas xornadas culturais, nas que participan rapaces de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO, están centrándose este ano en todo o relacionado cos primeiros auxilios.
Membros de Protección Civil do Concello da Laracha están impartindo un obradoiro con explicacións teóricas e exercicios prácticos para que os alumnos coñezan e se familiaricen cos aspectos básicos dos primeiros auxilios e os seus métodos e aprendan o protocolo de actuacións ante situacións como incendios, traumatismos, hemorraxias ou obstrucións de vías aéreas.
Na parte teórica do obradoiro, os rapaces realizaron cos bonecos típicos destes cursillos as manobras de reanimación cardiopulmonar e a de Heimlich, actuacións que poden salvar vidas no caso de atoparse cunha parada cardiorespiratoria ou un atragantamiento.
- Nova Convocatoria de Axudas Para Mercar Ordenadores
Desde este martes, día 11 de marzo, no Concello da Laracha xa poden tramitarse as solicitudes para beneficiarse da nova convocatoria de axudas para mercar ordenadores dirixidas ao alumnado matriculado en centros públicos nalgún dos cursos de educación primaria ou secundaria e ás familias que non superen os 25.000 euros de ingresos anuais.
A axuda única por familia é de 300 euros, sendo compatible con outras subvencións para a adquisición de ordenadores.
A documentación requirida é unha fotocopia compulsada do DNI do solicitante, do libro de familia, do certificado de minusvalía (no caso de que haxa algún membro da unidade familiar con esa condición) e un certificado bancario ou documento orixinal (facilitado pola entidade bancaria) no que conste a conta corrente aberta a nome do solicitante. En todos os casos o solicitante debe ser o pai, nai ou titor legal do beneficiario (o alumno).
O prazo de presentación de solicitudes rematará o vindeiro 10 de abril. Unha vez concedida a axuda, deberase mercar o ordenador antes do 20 de setembro e deberase presentar a factura (a nome do solicitante), como data límite, o 6 de outubro.
- Programa de Turismo Social
No Departamento de Servizos Sociais do Concello da Laracha xa poden presentarse as solicitudes para participar no programa de Turismo Social da Xunta de Galicia nas súas dúas modalidades existentes:
- Modalidade de intercambio: ofértanse 120 prazas con destino a Portugal (Esposende. Apulia) cunha duración da estancia de oito días (do 7 ao 14 de outubro).
- Modalidade de turismo termal: ofrécese a posibilidade de gozar duns días de estadía nun hotel ou hotel-balneario, residencia de tempo libre ou centro residencia con todos os servizos incluídos (transporte, aloxamento, manutención, tratamento termal e animación sociocultural). Outra posibilidade que se oferta é a de un só tratamento termal.
Poderán ser beneficiarias deste programa as persoas maiores de 65 anos ou maiores de 60 se son pensionistas, así como os cónxuxes dos solicitantes ou os que acrediten unha relación análoga.
O prazo de solicitude rematará o vindeiro día 11 de abril.
- Remata o Prazo de Inscrición Para os Cursos de Galego Celga 3 e Celga 4
Desde o Concello da Laracha lembramos que o vindeiro venres día 14 de marzo rematará o prazo de preinscrición para os cursos preparatorios para a adquisición dos certificados en lingua galega da formación de adultos Celga 3 e Celga 4.
Estes cursos forman parte do novo sistema de formación de adultos, que substitúe aos anteriores cursos de iniciación e perfeccionamento.
As persoas interesadas deben presentar, debidamente cuberta, a solicitude que lle entregarán no servizo de normalización lingüística do Concello, que deberá ir acompañada por unha fotocopia do DNI.
O horario de atención ás persoas interesadas en realizar estes cursos é de 10.00 a 14.00 horas.
- Iniciadas as Obras Para a Creación dunha Praza no Cruceiro
Este venres iniciáronse as obras para a creación dunha praza no Cruceiro, xunto ao centro sociocultural da parroquia de Lendo.
As actuacións contemplan o acondicionamento do recinto en adoquín, a habilitación dunha zona dedicada a aparcamento de vehículos en batería, creación de zonas axardinadas e instalación de diverso mobiliario urbano. Tamén se realizará a canalización subterránea para o servizo de telefonía. Nestas actuacións investiranse 35.000 euros.
José Manuel López Varela, alcalde da Laracha, presenciou o inicio das obras no mediodía deste venres.
O Concello adquirira unha parcela no lugar do Cruceiro na que se construíu o centro sociocultural de Lendo e se acondicionou o seu medio cun peche perimetral en granito, zonas axardinadas e diversos xogos para nenos. Reservouse naquel momento un terreo para a creación desta nova praza situada no centro da parroquia de Lendo.
A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha, reunida este venres en sesión ordinaria, adxudicou a obra para a instalación de iluminación pública no Campo da Feira de Paiosaco e na Travesía do Grupo Escolar da Laracha (a Avenida Buenos Aires), cun importe superior aos 40.000 euros que serán financiados integramente con fondos propios municipais.
Esta actuación forma parte do plan de melloras na iluminación pública que levará a cabo nas próximas datas o Concello da Laracha e que afectará, ademais, a determinadas zonas de Caión, do núcleo urbano da capital municipal e ao rural.
Certificacións de obra
Certificáronse as obras de “Pavimentación, beirarrúas e recollida de pluviais na Avenida Buenos Aires”, “Pavimentación e recollida de pluviais na rúa Plácido Pedreira” e “Pavimentación de camiños en Vilaño Vello”. O importe total destas certificacións é de 160.000 euros.
Licencias urbanísticas
Concedéronse cinco licencias urbanísticas maiores (dúas delas para a construción de vivendas unifamiliares) e trece menores.
Actividades clasificadas
Concedéronse dúas licencias de instalación e obra para unha carpintería de aluminio e unha parafarmacia.
Informes Servizos Sociais
Deuse o visto bo a seis informes dos Servizos Sociais do Concello para axudas a domicilio.
Facturas
Por último, aprobáronse facturas por un importe total moi próximo aos 20.000 euros.
- Clausura do Curso de Atención a Persoas Dependentes
Celebrouse este xoves na Casa da Cultura do Concello da Laracha o acto de clausura do curso de atención a persoas dependentes, no que o alcalde, José Manuel López Varela, entregou os seus diplomas á vintena de alumnas. No acto tamén estiveron a concelleira Rocío Lopez, a directora do CIM, Ana Aldao, e a mestra que impartiu as clases.
O curso de atención a persoas dependentes tivo unha duración de 200 horas e desenvolveuse co obxectivo de dotar ás alumnas –mulleres desempregadas ou inactivas- dos coñecementos básicos para a atención domiciliaria e coidado de persoas enfermas, anciás ou con calquera outro tipo de dependencia.
No acto de clausura, o alcalde leu un manifesto en referencia ao Día da Muller, no que destacou que “como representante político do goberno municipal do Concello da Laracha, quero reafirmar unha vez máis o noso decidido compromiso coa defensa dos principios e as actuacións que promovan a igualdade no traballo, na educación e formación, na vida doméstica e no ámbito público; facendo realidade un proxecto de sociedade sen discriminacións nin desigualdades por razón de sexo”.
- O Concello Solicita Dúas Sesións Informativas á Cámara de Comercio
O Concello da Laracha, a través da súa Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local, solicitou á Cámara de Comercio da Coruña dúas sesións informativas que se celebrarían nos meses de xuño e setembro deste ano 2008.
As sesións informativas que se solicitan levan por título “Como triunfar cunha franquicia” e “Estratexias do pequeno comercio para ser competitivo”.
Nestas sesións, no caso de que se concedan, poderían participar todos os veciños da Laracha que o desexen dun xeito totalmente gratuíto para eles.
Desde o Concello da Laracha pensamos que este tipo de actividades son interesantes para fomentar a creación de novas empresas no municipio e apoiar a figura do emprendedor ofrecendo numerosas posibilidades de formación gratuíta sobre o tema a todos os nosos veciños.
- Continúan as Obras na Estrada Local A Laracha – Cerceda
As obras para a realización do máis ambicioso dos proxectos que están en execución no Concello, a nova estrada local A Laracha – Cerceda, desenvólvense a un bo ritmo e a empresa adxudicataria das obras, Construcciones López Cao, xa entrou na última fase das tarefas de desmonte e movemento de terra.
José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e Jesús Souto, Concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, fixeron unha visita ao lugar de Compañeiro, na parroquia de Soandres, para observar o estado actual desta importante obra.
Esta estrada, que é de propiedade municipal, alcanzará os 6 quilómetros de lonxitude e un ancho de 9 metros, repartidos en dous carrís de tres metros e medio cada un e un metro de beiravía a cada lado. A pista unirá o lugar de Gabenlle (zona da área recreativa) con Cerceda, terá unha variante en Requesende (Golmar) e discorrerá polas parroquias de Torás, Golmar, Soutullo e Soandres.
O orzamento para a execución do proxecto ascende a 793.791 euros, aos que hai que engadir o desembolso de 250.000 euros con fondos propios municipais investidos na compra das 123 parcelas afectadas polo trazado da estrada, entre as que se reparten os 45.643,21 m² de superficie total adquirida.
Ciclo “Cinemas Dixitais” de Documentais
Este venres iníciase o ciclo “Cinemas Dixitais” de documentais no Concello da Laracha coa exposición do vídeo titulado “Un metro cadrado”, co urbanismo e a vivenda como tema central ao longo dos seus 33 minutos de duración.
Desde o Concello da Laracha invitamos a todos os nosos veciños a que asistan o venres a partir das 20.00 á Casa da Cultura para poder presenciar este documental, o primeiro dos cinco que se pasarán na Laracha nas próximas semanas.
I Festa do Mexillón de Soutullo
A Comisión de Festas de Soutullo, en colaboración co Concello da Laracha, organiza este venres a I Festa do Mexillón desta parroquia.
Desde as 20.30 horas serviranse aos asistentes racións de mexillóns e de callos. Pola noite, a partir das 22.30, principiará a actuación das orquestras Ciudad de Vigo y Sol América, as encargadas de amenizar esta celebración.
Para maior comodidade de todos os asistentes, instalarase unha carpa con calefacción no campo da festa de Soutullo.
II Cea, Baile, Degustación de Xabarín
O sábado celebrarase a II Cea, Baile, Degustación de Xabarín que organizan un ano máis os cazadores de Erboedo e Arteixo en colaboración co Concello da Laracha.
O pavillón do IES Agra de Leborís albergará a partir das 22.30 horas esta celebración, que será amenizada polo Trío Glamour.
A inscrición ten un custe de 25 euros e debe reservarse praza nos teléfonos 669 757 844 ou 609 775 996.
- Programa de Respiro Familiar 2008
No Departamento de Servizos Sociais do Concello da Laracha xa poden presentarse solicitudes para participar no programa de Servizo de Respiro Familiar 2008 dirixido a familias con persoas con discapacidade intelectual e organizado pola Federación de Asociaciones en Favor de las Personas con Discapacidad Intelectual de Galicia (FADEMGA FEAPS Galicia).
Existen catro tipos de servizos diferentes que se poden solicitar:
- Respiro familiar en residencias de tempo libre: estancias curtas (de un a tres días), medias (catro a sete días) e longas (máis de sete días. Estas só se conceden en caso de emerxencia).
- Respiro familiar en residencias: dirixido a persoas que necesitan máis apoio que as anteriores.
- Servizo de canguro: darase na propia vivenda da persoa con discapacidade e en emerxencias hospitalarias ata un máximo de 60 horas anuais por familia.
- Servizo de emerxencia: para atender casos urxentes de necesidade de respiro familiar. A duración máxima é de quince días.
Este programa márcase por obxectivo prestar servizos de atención temporal a curto prazo a persoas con discapacidade intelectual coa finalidade de liberar aos pais ou titores legais e reducir o estrés familiar, previr situacións de crise persoal ou familiar e aliviar as sobrecargas que soportan as familias con fillos con discapacidade intelectual máis acusada ou con problemas de comportamento.
Para presentar as súas solicitudes ou pedir máis información, os interesados deben dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais do Concello da Laracha.
- Presentáronse Dous Novos Cursos de Informática
Este martes, día 4 de marzo, presentáronse dous novos cursos de informática para mulleres que son organizados polo Departamento de Servizos Sociais do Concello da Laracha.
Na parroquia de Coiro presentouse o curso de informática básica, no que participarán preto dunha vintena de mulleres que desexan familiarizarse cos ordenadores. Este curso xa se realizou noutras parroquias do Concello cun elevado éxito de participación.
En Golmar tivo lugar a presentación do curso de informática de perfeccionamento, que vén a ser a continuación do básico. As mulleres que participarán na actividade descubrirán novos coñecementos informáticos que lles serán de utilidade na súa vida diaria.
A ambos actos de presentación acudiron José Manuel López Varela –alcalde da Laracha-, Rocío López –Concelleira de Servizos Sociais, Muller, Sanidade e Emprego- e Ana Aldao –directora do Centro de Información á Muller da Laracha-.
Clausura do curso de atención a persoas dependentes
Este xoves, a partir das 20.00 horas, terá lugar na Casa da Cultura o acto de clausura do curso de atención a persoas dependentes, que tivo unha duración de 200 horas e se desenvolveu co obxectivo de dotar ás alumnas –mulleres desempregadas ou inactivas- dos coñecementos básicos para a atención domiciliaria e coidado de persoas enfermas, anciás ou con calquera outro tipo de dependencia.
No acto agárdase a presenza do alcalde, José Manuel López Varela, que entregará os seus respectivos diplomas ás vinte alumnas que participaron no curso.
- Aberto ao Público un Novo Tramo da Senda Verde do Río Anllóns
Os nosos veciños e visitantes xa teñen á súa disposición un novo tramo de senda verde na marxe do río Anllóns, na parroquia de Torás, que completa a lonxitude de 2.250 metros do paseo fluvial, que agora une os lugares de Gabenlle, xunto ao muíño grande –onde comeza a senda- coa zona do muíño do Formigueiro –o final-.
No acto de apertura o alcalde, José Manuel López Varela, felicitou aos traballadores do Obradoiro de Emprego pola labor realizada, mostrouse satisfeito coa ampliación da senda verde, presenciou como se achegaban os primeiros paseantes e asegurou que “esta é unha das obras que máis agradecen os nosos veciños”.
O novo tramo, duns 450 metros de lonxitude, foi construído co mesmo material que o resto da senda –en madeira tratada- e, a diferenza dos anteriores, á marxe esquerda do río debido á orografía do terreo. As especialidades de carpintería e xardinería do Obradoiro de Emprego Laracha III realizou estes traballos, que incluíron a instalación de dúas pasarelas que ofrecen dous accesos alternativos: un que conecta co tramo xa existente e outro que comunica a senda directamente co núcleo urbano da Laracha a través da rúa Arxentina.
En próximas datas completaranse as actuacións previstas neste proxecto coa continuación da senda ata a ponte vella do Formigueiro co mesmo material e tipo construtivo que se fixo ata o de agora. Realizarase o acondicionamento da presa do muíño e reforzaranse as isletas que forman esa presa, desde as que se poderá acceder ao paseo a través dunha pasarela. Levantaranse, así mesmo, outras pasarelas para dar acceso desde a senda principal e para cruzar o río fronte ao muíño. Tamén se restaurará o muíño e a súa canle de auga e acondicionaranse as marxes do río desde o propio muíño ata a ponte antiga, realizando unha zona verde no lugar.
- O Venres Comeza o Ciclo “Cinemas Dixitais” de Documentais
O Concello da Laracha, en colaboración coa Axencia Audiovisual Galega, participa no ciclo “Cinemas Dixitais” dedicado a documentais galegos coa exposición de cinco vídeos sobre diferentes temáticas de interese, como o urbanismo, vivenda, historia e sociedade.
As proxeccións terán lugar os venres na Casa da Cultura a partir das 20.00 horas. A entrada é libre e gratuíta para todas aquelas persoas que desexen presenciar os documentais.
“Cinemas Dixitais” trátase dunha iniciativa da Axencia Audiovisual Galega coa que se pretende a promoción e difusión das producións non comerciais galegas coa creación dunha rede alternativa de exhibición en soporte dixital ao longo da xeografía da nosa Comunidade Autónoma á maneira do cinema tradicional.
O programa das proxección no Concello da Laracha é:
- 7 de Marzo: “Un metro cadrado”. Tema: Urbanismo e Vivenda. Duración: 33’
- 14 de Marzo: “A memoria dos tempos do volfram”. Tema: Memoria. Duración: 55’
- 28 de Marzo: “A casa de Lola de Andrés”. Tema: Urbanismo e Vivenda. Duración: 34’
- 4 de Abril: “Historia dunha parroquia”. Tema: Sociedade. Duración 55’
- 18 de Abril: “Fronteiras”. Tema: Sociedade. Duración: 58’
- O Concello Volve Sufrir Outros Dous Roubos
Desde o Concello da Laracha temos que volver a lamentar dous novos roubos ocorridos no campo de fútbol de Porta Santa de Paiosaco e na Escola Unitaria de Montemaior.
En Porta Santa, e tras acceder ás instalacións forzando as portas do recinto, sustraéronse, outra vez, dúas secadoras e unha lavadora, electrodomésticos propiedade da U.D. Paiosaco e que foran adquiridos recentemente despois do roubo do mesmo material sufrido o pasado 13 de xaneiro.
Na Escola Unitaria de Montemaior uns descoñecidos tamén forzaron a porta de entrada e roubaron diverso material audiovisual.
O Concello presentou as correspondentes denuncias ante a Guardia Civil.
Aínda que se trata de temas puntuais, no Concello existe unha lóxica preocupación polo acontecido e a alcaldía convocará unha reunión da Xunta Local de Seguridade para estudar a coordinación das forzas de seguridade que actúan no municipio para analizar a situación.
- Presentación Curso de Educación de Adultos
Xa está en marcha o curso de preparación para a obtención do título de graduado en educación secundaria dirixido a maiores de 18 anos despois do acto de presentación celebrado no serán do luns ao que asistiron José Manuel López Varela –alcalde da Laracha, Rocío López –Concelleira de Sanidade, Muller, Servizos Sociais e Emprego-, Ana Aldao –directora do Centro de Información á Muller do Concello- e a trintena de alumnos que participarán neste curso.
As clases impartiranse nunha aula habilitada no edificio de Servizos Múltiples, de luns a venres e en horario de 20.00 a 22.30 horas.
Este tipo de cursos véñense desenvolvendo no Concello nos últimos anos e teñen por obxecto formar aos alumnos para superar as probas para a obtención deste título e dotalas de coñecementos, instrumentos e habilidades que lles sexan útiles na súa vida diaria e que lles permitan progresar no seu ámbito persoal, social e laboral.
As persoas interesadas en participar no curso de educación de adultos, preparatorio para a obtención do título de graduado en educación secundaria, poden facelo aínda dirixíndose ao Departamento de Servizos Sociais do Concello da Laracha.
- Oficina de Información Xuvenil
A Oficina de Información Xuvenil do Concello da Laracha está a disposición de todos os veciños para obter información e tramitar diferentes solicitudes.
Axudas para estudantes que cursan os seus estudos fóra de Galicia
Abriuse o prazo de presentación de solicitudes de axuda para os estudantes con residencia en Galicia que cursan os seus estudos fóra da comunidade autónoma por non estar implantados no sistema universitario de Galicia.
A cantidade desta axuda dependerá da nota media do expediente académico dos estudos universitarios ou da nota da proba de acceso á universidade no caso dos alumnos que inician os seus estudos. Salientar que estas axudas son compatibles con outras convocadas polo Ministerio de Educación y Ciencia.
Axudas a mozos para cursos de idiomas en países da Unión Europea
Ata o venres día 28 de marzo permanecerá aberto o prazo de presentación de solicitudes de axuda para a realización de cursos de idiomas en calquera dos países membros da Unión Europea –a excepción de España- dirixidas a mozos que non estean cursando estudos universitarios, que teñan entre 18 e 30 anos de idade e residan en Galicia.
A contía das axudas será de 1.200 euros para os cursos de tres semanas de duración, 1.500 euros para os de catro semanas e de 1.800 euros para os cursos de cinco semanas. O obxectivo é axudar a sufragar os gastos derivados do desprazamento, matrícula, mantemento e aloxamento no país onde se realiza o curso.
Alumnado de bacharelato en centros públicos curso 2008-2009
Pola orde do 19 de febreiro de 2008 da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, publicada no DOG o pasado 28 de febreiro, neste curso académico 2008-2009 o prazo para a presentación de solicitudes para a admisión do alumnado de bacharelato nos centros docentes sostidos con fondos públicos estará aberto entre os días 17 de xuño e 2 de xullo, e non ao longo do mes de marzo, como se viña facendo nos últimos anos.
Esta modificación faise en base a que nas novas ensinanzas do bacharelato se produce unha modificación nas súas modalidades e vías. Así, o alumnado coñecerá a regulación autonómica e a oferta educativa de cada centro no momento de efectuar a súa solicitude.
- O Concello Solicita a Creación dun Miradoiro no Corgo
O Concello da Laracha remitiu á Consellería de Política Terrotorial, Obras Públicas e Transportes da Xunta de Galicia unha solicitude para a creación dun miradoiro no lugar do Corgo, na parroquia de Soandres. Esta petición faise un ano despois de que o Concello da Laracha, o 15 de marzo de 2007, remitira a esta Consellería a mesma solicitude sen ter recibido aínda resposta.
A pretensión do Concello da Laracha é a construción dun miradoiro e área de ocio nas terrazas creadas na estabilización da ladeira da estrada AC-400 que enlaza a A-6 en Culleredo con Meirama (Cerceda) e que atravesa A Laracha pola parroquia de Soandres, neste lugar do Corgo.
Esta solicitude faise en base a que as terrazas creadas para a contención da ladeira están situadas nun lugar que ofrece unha vista panorámica moi interesante, privilexiada, do que é o val do río Anllóns e a parte alta de Soandres. Facendo realidade este proxecto conseguirase converter esa masa de recheo, duns 20.000 metros cadrados de superficie totalmente desaproveitada arestora, nun lugar agradable onde contemplar unhas imaxes únicas.
Ademais de habilitar un novo lugar de ocio, coa creación deste miradoiro a zona integraríase e adecuaríase as condicións do lugar, que nestes momentos presenta un impacto visual importante desde o outro lado do val.
José Manuel López Varela -alcalde do Concello da Laracha-, Jesús Souto –Concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas- e José Manuel Iglesias –Concelleiro de Réxime Interior, Seguridade Cidadá e Protección Civil- fixeron unha visita á explanada que albergaría o miradoiro para coñecer o estado actual da mesma.
|