|
Nalgún rechuncho da miña mente que se abre
cando quero dar unha volta pola xente do pasado, atópanse
personaxes como ese rapaciño musulmán que coñecín fai
uns cinco anos. Naquela época el debía ter doce ou trece.
Tiña ese carácter bulideiro que facía crer que era o seu
corpo o que xiraba ó redor da terra, porque o movemento
do noso planeta era demasiado lento para el e a súa enerxía.
Tiña os ollos máis escuros e sorprendentes que vin xamais.
Eran tan escuros que case non se distinguían do resto
da pel e eran tan sorprendentes que non deixaban de abraiarme.En
movemento eran como dúas faíscas bulideiras, reflexo da
picardía e da candidez que se ten cando non se vive nun
mundo de adultos, cando os sentimentos afloran independientemente
da cor, da relixión ou da nacionalidade. Cando se paraban
e se ficaban fixos, remanecía un toque de dureza, coma
se tivese dúas personalidades. Esta segunda só saía cando
precisaba demostrar que tamén era capaz de ve-las cousas
tal e como eran, sen ese disfraz de ledicia que envolvía
a súa persoa.
Estaba perdidamente namorado dunha rapaza blanca
e loira, cun ollar verde que quitaba o sentido de todo
aquel que se atrevía a sumerxirse nel.
Coñecéranse o mesmo día que Mohamed chegou como
emigrante dun lonxano país. Ninguén da familia sabía ninguna
palabra da nova lingua coa que terían que convivir nos
vindeiros anos pero, non deixaban de repetir unha verba
que parecía enchelos de tranquilidade e esperanza: Alá.
A rapaza
loira tiña un aquel de sensualidade feiticeira....que
actuaba en Mohamed como un encantamento... Tiñaa mimada
e consentida coma se fora unha meniña. Era (moi ó seu
pesar) celestino nas súas aventuras amorosas (que non
eran poucas) e era o ombreiro no que choraba cando chegaba
a desilusión...Semellaba que comprendía e xustificaba
tódolos seus actos, ata a máis grande des tolemias...
El non estaba alí para cuestionala, estaba para se-lo
seu amigo, case o seu servinte...O concepto da amistade
da rapaza era bastante diferente da do noso protagonista,
era un pouco máis de interese: estaba tan acostumbrada
a recibir que non precisaba dar...
Desto hai
uns cinco anos. Nunca volvín a saber deles...Dúas postais
de Nadal é o último recordo material que conservo. Sempre
imaxinei un final feliz para estes personaxes, un final
no que Mohamed vise feitos realidade os seus soños de
amor (un pouco por empatía, teño que recoñecelo).Incluso
facía moito tempo que non me lembraba deles... ata os
atentados do 11 de Setembro en New York. Os terribles
momentos que se pasaron nesas Torres e as posteriores
persecucións a todo o que tivese un rasgo árabe (case
sempre tan inocentes coma as víctimas dos atentados),
capitaneadas por grupos radicais repartidos ó longo de
todo a mundo e tan insignificantes que nin siquera saen
nos telediarios, fixeron que revisise o recordo de Mohamed...
Espero
que, nestes meses que van dende o 11 de Setembro , Mohamed
poida andar polas rúas sen que a súa relixión, cor da
pel ou costumes impidan que saia á luz ese neno que coñecín
hai tempo...Oxalá siga pola vida como cando eu o coñecín:
SEN MEDO A SENTIR.
IDDHRA
COMO
NON...JAVITO
Conta a lenda que
todo comenzou coma unha aposta nunha tarde de café.
- "¿A que non tes "huevos" a chamar
para o casting do Gran Hermano"? -"A que sí..."
E así o fixo. Tecleando aqueles números
comenzou unha aventura que aínda temos por ver
como remata.
Eu a Javito coñecino detrás da barra dun
bar, nos primeiros meses do Versus. Era destas persoas
que, sen deixarse ver nunca por dentro, tiña a
capacidade de darche a impresión de que fai moito
tempo que che coñece cando moitas veces nin siquiera
podería dicir como te chamas. Dende aquela época
comencei a ter un contacto con Javito bastante a miudo,
gracias a un amigo de troula común. Detrás
dunha barra tamén o seguín vendo, esta vez
a base de cervexas e ceas despois da praia. Dou fe de
que a tortilla que saía na tele ten tan boa pinta
como aparenta.
Comenzou a aventura en Guadalix. De repente vímolo
embarullado nuncha casa con once persoas máis cada
cal máis diferente, e que discutían por
calquer cousa: se Javito cociñaba a ver por que
tiña que cociñar sempre, se outro non cociñaba
porque non facía nada, se falabas porque falabas
e se calabas porque andabas argallando unha estratexia
para agradar ó público.
Para ser sinceira esta foi a primeira vez que me seguín
o programa de Gran Hermano: ata agora non me supoñía
ningún interés a vida duns descoñecidos
nunha casa feita para a ocasión. Con Javito todo
foi diferente, estiven pegada ó televisor, como
case tódolos veciños da zona. Todo o mundo
estaba volcado en Javito: A Laracha empapelada con fotos
de Javito, campañas para expulsar ós seus
contrincantes, excursións masivas para apoialo
en Guadalix...
Non podo dicir que coñecía a Javito porque
non é certo. Non sabía que era un maniático
da orde, non sabía que se podía comer tan
ben da súa cociña...Descubrimos que non
lle gusta que lle fagan trampas ó parchís
(opinión que comparto), non lle gusta que lle berren
para razoar, non lle gusta ve-la casa en desorde, non
lle gusta ter que fregar se xa cociñou...Vímolo
emocionado cando escoitou á súa xente nas
portas casa, deprimido cando marchou Óscar e moi
razonable nos seus careos con Patricia. Pero eu penso
que a base do seu comportamento no programa era que sabía
distinguir perfectamente entre os seus problemas e os
problemas dos demais. Os problemas dos demais son para
escoitalos, e para da-la nosa opinión se é
solicitada, pero soamente se debe tentar resolve-los barullos
que son propios (xa non estamos nos
tempos dos heroes
xusticieros). Neste caso eu fago o mesmo. O día
que empecei a diferencia-los meus problemas dos alleos,
adelgacei uns cuantos kilos de conciencia.
O terremoto Javito chegou ó seu punto máximo
cando aquel domingo nos televisores de toda A Laracha
sonou a frase "el ganador es ¡¡¡JAVITO!!!".
O noso novo heroe abandonou a casa portando unha bandeira
galega e entrou no helicóptero tirándolle
os trastos a Paula Vázquez. Ninguén quixo
perder detalle do programa: nunca tantas gafas vin na
Laracha coma aquela noite.
Todo o pobo e máis xente dos alrededores volcouse
en celebra-lo que deu en chama-lo triunfo do "heroe
local". As rúas estaba abarrotadas como se
fose a festa do 15 de Agosto e a xente estaba eufórica.
Contan os testigos máis xoldeiros que a celebración
durou ata ben entradas as seis da mañá.
Menudo luns deberon ter algúns...
Varios días máis tarde Javito fixo entrada
no seu pobo nun vehículo antigo na praza do Concello...Javito
alucinado, a xente berrando coma tola... A verdade e que
penso que non era moi consciente do que lle esperaba,
porque estaba absolutamente convencido de que despois
de cear podería baixar a tomar unhas copas cos
amigos de toda a vida. Iluso....Estaba tan equivocado
que tivo que chegar ata o Versus nun coche da Policía
Local e acordoado por tres persoas que, dun salto o meteron
na barra do Versus e de aí á cabina...O
máis sorprendente era que esas medidas eran necesarias,
porque a xente estaba desexando tocalo, dicirlle ola,
que lles firmara un autógrafo...supoño que
só debe pasar unha vez na vida poder ser fan dalquén
que vive a escasos metros da túa casa.
Apetecíame saudalo pero en defensa propia pareciume
prudente deixar que fosen primeiro os seus admiradores.
Fun quen, durante este tempo de ve-la expresión
de desconcerto no seu rostro: debe ser un pouco abrumador
ter que saudar a tanta xente que non coñeces de
nada pero que parece que se lles vai a vida nun autógrafo
teu.
Pasado o revoltixo do primeiro momento fun saudalo e dinme
conta de que eu non perdera nada naquel programa de televisión:
Javito, tal e como me desmostrou en ocasións posteriores
segue sendo o mesmo rapaz que coñecín detrás
da barra dun pub. Ese rapaz co que podes falar de todo
e nada á vez, igual que moita xente coa que tratas
un sábado pola noite, mentres tomas unha copiñas.
Todo moi ben, pero espero que ningún dos meus coñecidos
entre na casa na próxima edición do concurso:
non quero verme na obriga de ter que seguilo outra vez.
Hai cousas sen as que son capaz de sobrevivir...Quedades
avisados... IDDHRA
NOITE
FOLK
Era unha noite folk
e alí estabamos nós, facendo frente ó
frío. Meu Deus, se eran as once cando entramos
no recinto...a saber que acontecementos xa pasaran...Bueno,
dentro do malo só nos perdemos Santa María
de Torás e Noitarega...podería ser peor.
A Budiño xa tiven ocasión de velo un par
de veces e penso que na súa música a gaita
non é a absoluta protagonista, senón que
forma parte dunha melodía combinada cos demais
instrumentos que fai do son da gaita se enrede con guitarras,
saxos e demais facendo unha canción variada que
chega a varios gustos. Budiño fai que as notas
suban polas diferentes escadas da cultura ata o bico do
monte no que se misturan amigablemente. A pesar de que
este gaiteiro ten fama de raro, cabe dicir que se viu
unha persoa do máis normal que disfrutou entregándonos
a súa música e que, tras remata-la actuación,
non dudou en misturarse coa xente do público coma
un espectador máis. Aínda que me retirei
da Laracha cedo, supoño que seguiría coa
marcha porque, cando deixei o Master, unha vez rematado
o festival, el seguía cantando a ritmo de jotas
e muiñeiras...un fenómeno este Budiño.
Na música de Susana Seivane a gaita sí que
é a principal protagonista. O resto dos instrumentos
son meros acompañantes, que adornaban os sons da
nosa gaita. Eso sí, lonxe de facernos caer, conseguiu
levantar o ánimo dos asistentes de tal xeito que
nos puxemos a saltar contaxiados pola maxia da música
uns, e trasladados polo fume dos porro outros. Todo serve
para levitar...Para min foi Susana Seivane a que debeu
tocar en último lugar, de seguro que pasariamos
menos frío que con Luar na Lubre. A pesar de que
o noso "heroe local" non tivo unha presentación
moi afortunada coa filla de Seivane, ela soubo encaixalo
con bo humor, e devolveulle a patada cando tivo que presentar
a Javito para rematar coa "Muiñeira de Chantada"e
fixo gala de non lembrarse do seu apelido, nun xesto de
bo humor.
Alí o que máis e o que menos estabamos para
estar unhas horiñas de sábado diferentes,
lonxe da música de Gran Hermano e o sonido de discoteca
que non fai máis que acosarnos á longo dos
tres días que dura a fin de semana. Se ademais
eran os teus colegas os que estaban contigo, a diversión
e o bo facer estaba servido.
Esta sensación de estar a gusto, empañouna
un pouco Luar na Lubre.Entendo perfectamente que fosen
as tres da mañá e que a ninguén lle
apetece pasar frío enriba dun escenario. Ata aí
estou perfectamente dacordo, pero pasaba que había
moita xente que estivera desde moi cedo esperando para
ver como tocaba esta xente e penso que merecían
unha recompensa grata, bastante lonxe do que recibiron:
unha Rosa friolenta e o resto dos compoñentes distantes
e con ganas cumplir e acabar dunha vez. Esa xente que
levaba varias horas aguantando o tipo por eles quería
que tocasen esa música da que tanto gostan, pero
queren ver algo diferente do que significa poñer
un CD na casa. Sería importante notar que o grupo
está tan complacido de estar aí tanto como
o público de escoitalos. Hai que dicir que a música
de Luar na Lubre, soou coma sempre, máxica, pero
sen máis. Digo eu, igual non lles caimos ben.
Polo demáis, pasámolo en grande. Penso que
debemos agradecer á organización a posibilidade
de facer algo diferente sen ter que tomar un autobús
que nos leve ás terras de Ortigueira. Esta ben
eso de demostrar que na Laracha tamén se poden
facer cousas ademáis de apoiar a Javito na súa
batalla televisiva. Falando de Javito, tamén hai
que darlle un punto, dado que está bastante disposto
en colaborar en temas do seu pobo, sabendo que a súa
sóla presencia vai ser suficiente reclamo para
un importante porcentaxe de xente..Pero teñamos
en conta que Javito non vai durar sempre. Está
ben eso de aproveitar o seu tirón, pero se esto
serve para que a xente se achegue e vexa que facemos ben
as cousas...Se o único agradable que recorda a
xente é a presentación do "heroe local",
o máis seguro e que o ano que ven, cando ninguén
recorde a Javito, a afluencia de público sexa menor.
Aproveitemo-la súa "fama" para facer
cousas e demostrar que as podemos facer ben. Esto sí
será recordado.
A organización do festival creo que demostrou sobradamente
que se poden facer eventos con carencias, poucos recursos
e con imprevistos de última hora. Carencias de
seguro que moitas, pero os poucos recursos moi ben aproveitados
e os imprevistos saltados con gracia. A xente traballou
con ganas e iso deixouse notar.
I Festival Folck da Laracha: a noite na que a boa música
bailou unha muiñeira coa ilusión dun novo
proxecto."Unha casa máis na que durmir",
deberon pensa-las notas musicais que esa noite flotaron
no aire.
IDDHRA
P.S.: Non pretendo
facer, con esta colaboración,una crítica
musical (nada máis lonxe da miña intención,
dado que non entendo case nada na materia), pero sí
son moi libre de expresa-la miña opinión
como público...porque estiven alí.
<< página anterior
pasa
página >>
|