|
Chámome Idhra. Este nome pedinllo prestado a unha
pequena illa grega do Mediterráneo, próxima ó Peloponeso.
A natureza é máis xenerosa que os humanos e non tivo ningún
problema en emprestarmo. A ver, ti que estás agora sentado
diante do ordenata, ¿a cantas persoas lle deixaría-lo
teu nome?. A ninguén, verdade...pois que sepas que eres
un egoísta. Ela deixoumo sen problemas. Soamente me puxo
unha condición (¿dende cando existen os préstamos sen
elas?): quere ter unha plantación de chorimas (aquí, entre
nós, as illas téñenche unhas manías moi raras). Eu xa
lle avisei de que ó mellor en terras gregas non se daba,
pero coido non ser quen de estropea-la súa ilusión...
Din que, por esa zona, o Mediterráneo
ten unhas augas claras con colores cambiantes nunca vistos,
que varían segundo a intensidade da luz. Algún día daremos
xuntos un paseo por esa paisaxe líquida e veremos se é
certo, nunca te podes fiar do que che conten....con esto
do turismo, haiche moito mentireiro ceibe.
Preguntaraste por qué
escollín o nome duna illa: moi doado. Unha illa pequena
é a a representación
da resistencia. É golpeada polo mar
por tódolos costados, ata o punto no que as ondas
do norte se xuntan coas do sur, saudándose duna forma
macabra. Imaxínate que agora a ti mesmo che tiran no mar
grego e as augas che sacoden por tódolos lados: moi enteiro
non habías quedar... verías.
Tamén é o símbolo da esperanza
e da cordura para a nosa xente do mar,
ese punto de terra no mar é a ilusión de tantos
náufragos. Porque o mar é moi bonito cando se está tumbado
na praia ó sol e serve para se refrescar, é moi bonito
cando se poden ve-los milleiros de cores dun atardecer
de verán, é moi bonito cando está moi bravo e brúa e vemos
esas ondas enormes de espuma que, xoguetonas, ameazan
con alcanzarnos (buaaaa...a nos que estamos a setenta
metros delas). Pero de seguro que a ninguén lle parece
tan bonito estar na cuberta dun barco tirando por unha
rede, vendo só a profundidade do mar coa súa infinita
negrura, seguro que a ninguén lle parece agradable que o horizonte no que se
xuntan o mar e mailo sol o vexamos tan inalcanzable coma
os nosos seres queridos, e seguro que a ninguén lle gustan
esas ondas que caen na cuberta e abanean o barco coma
se fose o berce dun meniño, poñendo en perigo os nosos
soños de futuro. Nestes casos de perigo a illa é o símbolo
da terra firme. E a imaxe que fai despertar ó mariñeiro
dese mal soño no que se atopa e que lle devolve a noción
de que a realidade segue existindo, e que o espera nalgures...
Como podes ver a Idhra real ten
moitos atributos envexables por calquera: beleza de colorido
(=sentimentos), resistencia (=personalidade propia), toque
de realidade que trasmite esperanza (=ese árbol perenne
que aparece cando deixamos de empeñarnos en ve-lo bosque
inmenso e escuro). Só lle faltan esas chorimas que me
pediu, pero todo se andará. A Idhra ficticia (eu mesma)
é un poquiño máis normal, digamos que moito máis normal,
pero gústame esta idea de plasmar no papel aquelas parvadas
que me pasan pola cabeza que, cando as compartes con alguen,
son un pouco menos parvas. Non considero que teña unha
especial man coa escritura, pero tentarei facer deste
curruncho un espacio agradable no que dar pequenos paseos por este mundo que nos rodea...
Espero que esta portiña que Tío
Chucho me abre sirva tamén para brindarche a oportunidade
de que me dea-la túa opinión algunha vez, ideas cando
me falten e que me leve-la contraria sempre que queiras.
Con este fin poño á túa disposición unha dirección de
correo electrónico que podes usar: iddhra@terra.es
O curruncho de Idhra acaba de inagurarse.
Quedas invitado.
pasa
página
>>
|