O
desenvolvemento deste roteiro céntrase na vila de Caión,
o porto do concello da Laracha. O seu pasado fálanos da pesca
da balea, que durante a Idade Media e Moderna vascos e asturianos
practicaron nesta costa. Pero Caión tamén é
coñecido pola romaría da Virxe dos Milagres, á
que cada oito de setembro acoden andando as xentes da comarca.
Tomamos
na Laracha a estrada de Baldaio, moi concorrida en tempo de verán,
cando a xente acode á praia de Razo e Baldaio. Pasamos pola
igrexa parroquial de Santa María de Torás. Un templo
de forma rectangular, con muros de cachotería, reforzados
nos esquinais e aberturas con sillería de granito. A fachada
ten forma pentagonal, con forma rectangular sobre a que vemos unha
fornela e unha fiestra. Remata o conxunto cunha sinxela espadana.
Esta estrada atravesa a pequena depresión de Lendo, unha
cunca formada por depósitos terciarios, na que abunda a arxila,
por iso, xa dende antigo foi lugar de telleiras e fábricas
de ladrillos. Ollando cara á esquerda veremos as instalacións
de Cerámicas Campo, a principal industria do concello da
Laracha. Pasamos pola parroquial de Lendo, que conserva unha igrexa
do século XIX, de características semellantes á
de Torás. Se subimos ó monte de Lendo, seguindo un
camiño que parte do cemiterio novo, teremos a oportunidade
de contemplar unha sensacional panorámica sobre todo o espacio
natural de Razo e Baldaio. De Lendo pasamos polo Campo de Bragunde
en dirección O Rapadoiro, xa do concello de Carballo, para
coler a estrada que nos conduce a Caión, seguindo a costa.
Pouco antes de chegar á vila visitamos o santuario dos Milagres,
onde o 8 de setembro se celebra unha das romarías de máis
sona da comarca. É tradición ir camiñando de
noite ou á mañanciña, para logo escoitar misa.
Neste lugar estivo situada a primitiva parroquial de Santa María
de Caión, antes de que a mediados do século XVI, os
padres agostiños, fundaran o convento na vila. A igrexa conventual
absorbeu a esta parroquial, convertíndose en capela anexa
e mantendo culto tan só na festividade da Nosa Señora.
Será durante o século XIX, según nos relata
Cebrián Franco (1982: 256), cando se produza unha reavivación
do culto neste santuario con motivo do traslado da Virxe dos Milagres,
por partedunha familia de Erbecedo (Coristanco), que se trasladou
a vivir a Caión. Por este motivo construíuse a actual
capela, rematada en 1833.
A
ermida actual é un templo barroco, de planta rectangular.
A fachada está enmarcada nos extremos por dúas pilastras
rematadas en pináculos. No centro ábrese unha porta
rectangular con molduras, enriba unha fornela e unha fiestra, rematando
o conxunto unha torre-campanario de dous corpos.
No seu interior ademais
do retablo maior de rococó, ten dous laterais. Todos eles
carentes de imaxes. O domingo anterior á romaría,
trasládase en procesión a Virxe dos Milagres, que
retornará á parroquial o domingo seguinte de celebrala
festa.
Á beira do santuario hai unha fonte santa. Era costume antiga
de que os romeiros transportaran pedras que despois depositaban
no alto do monte, no lugar denominado o Milladoiro.
A vila de Caión
A
orixe dese pequeño núcleo costeiro podería
estar relacionada coa pesca da balea que vascos e asturianos realizaron
por esta parte do noso litoral.
A mediados do século XVI, o licenciado Molina, xa nos fala
dese tipo de pesca, dicindo que se facía duranta os meses
de inverno e que era pesca de gran proveito, pola gran cantidade
de aceite que se extraía.
O cardeal Del Hoyo, tamén fai referencia a ela dicindo: "Esta
vila é un porto de mar no que se pecan cada ano moitas baleas
dende Todos Santos ata Carnestolendas, que é o tiempo da
pesca delas". Ademais do aproveitamento da súa graxa,
tamén se utilizaban os seus ósos. Das vértebras
facíanse tallos, e as costelas servían de ripas para
os tellados das casas mariñeiras.
Sobre a vila de Caión exerceron señorío a poderosa
familia galega dos Bermúdez de Castro, señores de
Montaos. Un dos seus membros: Francisco Bermúdez de Castro,
foi o fundador do convento dos padres agustiños, ademais
do colexio, fixéronse cargo da parroquial de Nosa Señora
do Perpetuo Socorro.
No ano 1772, despois de ser expulsados de España os xesuítas,
os monxes agostiños de Caión, pasaron a ocupar o convento
que os xesuítas tiñan na Coruña, ó pé
da actual parroquial de San Xurxo.
A
igrexa do Perpetuo Socorro, que ocupa un dos lados da praza da vila,
é un templo da época renacentista. A porta lateral,
que remata nun frontón triangular, é a parte máis
interesante. Adosados á igrexa pola súa parte meridional
vemos os restos do antigo convento. Nunha destas construccións
que dá á rúa de entrada á praza, hai
dous escudos emparellados nos que aparecen os símbolos dos
fundadores.
Cerrando a praza pola
parte noroeste, temos un longo edificio, coñecido polo nome
da casa dos condes de Graxal, título que adquiriron os Bermúdez
de Castro, cando a filla do fundador do convento, Beatriz Bermúdez
de Castro, casou con Juan Álvarez de Vega, conde de Grajal
de Campos(León). Enriba da fiestra central do edificio veremos
un escudo cos símbolos desta familia (Martínez Barbeito,
1986: 185). Centro de xurisdicción da vila, onde os veciños
ían pagar a renda dos forosque logo transportaban en barco.
No seu interior había un cárcere do que aínda
quedou o topónimo atribuído á praia que está
próxima. Contan que existía un túnel que comunicaba
o pazo coa igrexa, con saída á praia.
A vila de Caión tiña a principios do século
XVII, 70 fegreses, segundo noticias do cardeal Del Hoyo. Xosé
Cornide (1764: 75) descríbenola dese xeito: "Forma a
costa unha gran baía terminada por outra punta con que termina
esta cuncha que é bastante dilatada. A carón da primeira
está o porto de Caión onde entran embarcacións
medianas. O lugar ten cento e dez e sete veciños pescadores,
e mariñeiros que se empregan na pesca de sardiña".
A principios do século XIX, a pesca da sardiña seguía
sendo a principal actividade desee pequeño porto pesqueiro,
segundo as noticias que nos aporta o ilustrado Lucas Labrada (1804:
50):"Caión é unha rada pouco segura, e só
capaz de lanchas, situada á outra parte dun regato; no seu
porto, de moi curta consideración, sóense exercitar
os naturais na pesca, a cal ascende en ano común a mil milleiros
de sardiña, 250 quintais de congro e 3.000 de pescada; e
as mulleres nas lencerías do país para os seus usos
domésticos".
A principios do século XX, Caión era o núcleo
máis poboado do concello da Laracha, con preto de cincocentos
habitantes. Tiña fábricas de salgadura, escola de
rapaces e posto de carabineiros de terceira categoría. As
mulleres ían andando coas patelas na cabeza a vender a pesca
A Coruña ou ás aldeas do arredor.
Na mesma vila estaba ubicada a capela de San Roque, da que queda
tan só o topónimo referido a un dos seus barrios.
O aspecto actual desta vila cambiou moito nos últimos anos.
As casas mariñeiras coas súas balconadas e pintadas
de vermello, azul ou verde, cores que tamén se utilizaban
nas embarcacións, foron substituídas por edificios
de dous, tres ou catro andares; e o seu porto ampliado. Nos últimos
anos a crise pesqueira afectou moito á vida económica
desee porto, que ve como cada día diminúe máis
a súa poboación.
Regresamos
de Caión por Xermaña, en dirección a Arteixo.
Ó chegar a Alvite, viramos á dereita bordeando o monte
Pedra Queimada pola súa parte oriental. Esta estrada pasa
por Corteo de Abaixo e O Bosque. Logo de atravesar unha extensa
zona de monte, pasamos por Escurido, A Esquipa, A Barreira e A Cachada,
desembocando en Paiosaco. Este lugar é coñecido pola
súa tradicional feira que se celebra o o primeiro e terceiro
domingo de cada mes. A principios de xullo celébrase a popular
Feira da Cereixa, na que se comercializaba gran cantidade desta
saborosa froita, anos atrás toda ela procedente das cerdeiras
que había na ribeira do Anllóns.
De camiño cara Á Laracha, deixamos á dereita
a igrexa de San Martiño de Lestón, sen interese arquitectónico.
A entrada da capital municipal faremos unha parada para visitar
a capela de San Roque e os poucos restos que quedan do que foron
as antigas torres de Cillobre.