Esta
ruta permítenos coñecer as terras do curso alto do
Anllóns, aa maior parte delas pertencentes á extensa
parroquia de Soandres. Terras que nos tempos medievais estiveron
baixo a influencia do mosteiro bieito que houbo nesta parroquia.
Saímos
do centro da Laracha pola estrada de Meirama e Cerceda, delimitada
no núcleo urbano por unha ringleira de plataneiros de sombra,
en lembranza do vello costume de plantar este tipo de árbores
á estrada dos núcleos urbanos. A algo máis
dun quilómetro, vemos á esquerda o castro de Gabenlle,
sobre un outeiro e rodeado por un terraplén entre catro e
seis metros de altura. Presenta dúas entradas: unha ó
norte, e outra ó sur (Rodríguez Casal, 1975: 38).
Despois de percorridos algo máis de dous quilómetros,
chegamos á ponte dos Muíños pola que atravesamos
o río Anllóns.
A
medio quilómetro da ponte sae unha estrada á dereita
cara a parroquia de San Xulián de Coiro. A súa igrexa
presenta as características dun sinxelo templo do barroco
rural, unha soa nave e rematado nunha pequena espadana de dous ocos.
Voltamos
de novo á estrada de Meirama, que nos ofrece atractivas paisaxes
á medida que seguimos o curso do Anllóns. Pasamos
polas aldeas de Tenda, Toural, Loureiro de Bocixa, Vilamir e Revoltiña.
Neste último lugar sae unha estrada á dereita que
leva ó lugar do Priorado, onde está a parroquial de
San Pedro de Soandres e a súa casa rectoral, reconstruída
sobre o que foi o antigo mosteiro.
O
ANTIGO MOSTEIRO DE SOANDRES
O
documento máis antigo no que aparece nomeado este cenobio
data do ano 990, aínda que a súa fundación
é anterior. Trátase dunha ampla doazón que
lle fixo o conde Pelao Pérez e a súa dona Aragonta.
No ano 1032, o bispo Nuño, doa a Soandres diversos bens,
vilas e igrexas.
No século XII Urraca Fernández, filla do conde de
Traba, Fernando Pérez, tamén lle otorga outra doazón.
Durante
os séculos XIII e XIV, temos abundante documentación
que nos aporta o investigador Manuel Lucas Álvarez, case
toda ela referente a contratos de foro que asinaron os distintos
abades do mosteiro. No século seguinte, ademais dos contratos
de foro, aparecen varios documentos que nos falan dos abusos e tropelías
que os señores da nobreza local cometían contra os
monxes do mosteiro e os seus bens. Os propios señores que
actuaban de encomendeiros ou protectores, eran os que máis
abusos cometían contra esta comunidade relixiosa.
Os
abades de Soandres recurriron en moitas ocasións ós
reis para transmitirlles as súas queixas por estes atropelos;
sen embargo, a pesar das reiteradas advertencias recibidas dos monarcas
a expoliación continuou (García Gómez, 15-8-90).
No
ano 1495, durante o reinado dos Reis Católicos, Soandres
é anexionado a San Martiño Pinario de Santiago, transformándose
deste xeito en priorado.
A
principios do século XVII, candoo cardeal Del Hoyo (1607:
237) visita o mosteiro, había nel dous ou tres monxes pertencentes
a San Martiño, encargados de administrar ás rendas.
O
conxunto arquitectónico do que foi o antigo mosteiro de San
Pedro de Soandres na actualidade está constituído
pola igrexa e a casa rectoral.
A
igrexa ten planta basilical de tres naves, separadas por tres pares
de pilastras cadradas rematadas e impostas sobre as que se apoian
os arcos faxóns de medio punto que treman da cuberta. No
muro norte é onde se observa con maior claridade os restos
do primitivo templo románico, sobre todo nos canzorros e
nunha porta con lintel sobre monchetas.
A
cabeceira está formada por tres ábsidas de forma poligonal,
ás que se accede a través de arcos oxivais que apoian
en semicolumnas adosadas. A central ten forma pentagonal, cubríndose
cunha bóveda de abano que apoia sobre columnas nos ángulos,
que se corresponden na parte exterior con contrafortes escalonados.
Nos tres vans centrais ábrense cadansúa fiestra alongada
de forma oxival. As ábsidas laterais teñen forma semellante
pero de menores dimensións.
Esta
cabeceira do século XIV, de puro estilo gótico, representa
a parte máis fermosa e de maior interese arquitectónico
do templo.
A
sobria fachada ten forma pentagonal e nela sobresaen dous contrafortes,
que xunto cos seis laterais actúan como reforzo dos muros.
A partir do eixo central distribúense os elementos da fachada.
Na parte inferior ábrese unha porta rectangular, e enriba
unha fiestra da mesma forma. Como remate un pequeño campanario
a xeito de espadana. Esta portada barroca do século XVIII,substituíu
á primitiva rómanica.
No
seu interior apenas existen elementos decorativos. En cada unha
das capelas absidias vemos o seu correspondente baldaquino do século
XVIII. Adosados ós muros laterais levántanse dous
altares de pedra, nos que podemos contemplar dúas pequenas
tallas das mesmas características, que representan a Santa
Marta e a Santa Lucía. No altar da dereita chámanos
a atención unha figura de pedra policromada de rústica
feitura, unha imaxe de Santa Marta procedente da derrubada capela
situada no monte do mesmo nome.
Dende
o lugar do Priorado seguimos unha estrada cara á Alta de
Soandres que pasa por Saldante, Sanmir e que chega ó cruce
da Baiuca. Neste curto percorrido gozaremos de fermosas vistas sobre
as terras orientais de Bergantiños. Nesta parte alta, o terreo
é menos productivo e a poboación está máis
espallada. Antigamente aquí cultivábase trigo, centeo
e patacas, que xunto coa gandería, constituía a base
eeconómica da súa poboación.
Nesta
encrucillada baixamos uns dous quilómetros e antes de chegar
á aldea de Xesta collemos unha pista á dereita que
sobe ó monte de Santa Marta (432 m.), situado no límite
das parroquias de Coiro, Soutullo e Soandres. Lugar estratéxico
do que se divisa gran parte das terras larachesas e bergantiñás.Ó
leste vemos o monte Xalo e o curso alto do
Anllóns;ó oeste continúa o val deste mesmo
río, ata pasar Carballo; ó norte e nordeste enxergamos
a Laracha, a falla de Baldaio; e ó fondo, as illas Sisargas.
Cara ó sur ollamos a acolledora valiña do río
Acheiro.
Ademais
do interese xeográfico e paisaxístico, este monte
de cume redondeado, conserva tamén un valor histórico,
posto que nel estivo ubicada a capela da Virxe que lle dá
nome, que segundo nos informa Cebrián Franco (1982: 233),
puido obedecer á cristianización dalgún culto
pagán anterior. A ideada fundación da mesma debeu
partir dos monxes de Soandres. Hai ó redor dun século
que se deixou de celebrar culto neste lugar, por atoparse a capela
en estado ruínoso, pasando a celebrarse a romaría
ó pé da parroquial de Soandres, onde se conserva a
imaxe pétrea desta Virxe.
Non
temos noticias sobre a fundación desta ermida, pero pola
información que nos deixou o licenciado Gutiérrez
de Alcalde, en 1588 xa estaba necesitada dunha reparación,
polo que deducimos que a súa antigüidade remóntase
a bastantes anos atrás (Negreira Ríos, 28-7-88).
O
cardeal Del Hoyo no ano 1613, recomenda que coas esmolas que se
lle ofrezan a esta santa, se repare a capela. Era costume pola Coresma,
saír en procesión dende a igrexa de Soandres ata a
ermida, para alí celebrar misa.
Hai
uns anos cando se limpou este monte, atopáronse restos da
capela e dunha fonte, á que a xente lle atribuía propiedades
curativas para os oídos.
Voltamos
de novo á Baiuca, e seguimos por Bocixa e Portodoso, cara
a Cerceda.Ó comezar a descender, temos unha pista á
esquerda que bordea o coto de Pedrouzo(518 m.), pola parte sudeste,
onde ten as fontes o río Anllóns. Se accedemos ó
seu cume, teremos oportunidade de dominar coa vista, a meirande
parte das terras da comarca. Baixando por unha pista que vai dar
á aldea de Coence, xa do concello de Cerceda, pasaremos á
veira da Fonte de Miguel Belido, unha braña na que conflúen
tres regatos, que podemos considera como o nacemento do Anllóns.
Achegámonos
ata Cerceda, vila que medrou bastante nos últimos anos pola
influencia económica do complexo da Central Térmica
de Meirama, que vemos de fronte. Neste núcleo faremos unha
parada para visitar o museo do Moucho, que alberga unha completa
colección de representacións desta ave nocturna.
De
Cerceda tomamos a estrada LC-4000, en dirección á
Estación de Meirama, deixando á esquerda o curso do
Anllóns que nos acompañará neste percorrido.
Despois de Picardel, o camiño de ferro adéntrase na
parroquia de Soandres, que curiosamente é a única
de comarca pola que pasa o tren. Pasamos por Corgo, e ó chegar
á canteira "El Pozo", desviámonos á
esquerda cara á Laracha. A menos dun quilómetro vemos
á dereita a Croa de Santa Baia ( 321 m.), monte espido de
vexetación, que conserva no seu cume os restos dun recinto
castrexo. Este monte xa lle chamou a atención ó Padre
Sarmiento, cando en 1745, pasou por aquí camiño de
Soandres, deixando recollido o dito popular de que ali houbera un
gran castelo. Continuamos camiño cara á Laracha, para
chegarnos ó lugar de partida.