Agregar a favoritos                  

   

Tiochucho

· ¿Quen é?
· Chucherías
· Cursos Intensivos
· Colaboracións
· El Gran TEST. a3       
· Traxedia Prestige       

Tropa de Esponxiformes

· Acta Fundacional
· Historias da Tropa
· Rutas da Tropa
· Fotomatóns
· CAnSADOS
· ALBUM de Fotos        

A-Laracha

· Principal
· ... por parroquias
· Sitios de Interese
· Cultural
· De movida

· Encuesta de A Laracha

· Servicio Información
· Links
· WEBCAM
· Tablón de anuncios
· Suxerencias
· FORO de a-laracha       
· Ver Libro Visitas
· Firmar Libro Visitas

Ocio e entretenemento

· BAJATE tu SOFTWARE
· Logos Móviles
· SMS Móviles
· Amigos e Relacións
· Telebuzóns
· Para Adultos (XXX)
· Para Adultos (light)
· KomoMola

 

 

CONCELLO DA LARACHA

Reseña Histórica

Os restos históricos máis antigos que se conservan nas terras da Laracha corresponden ó período megalítico. Temos noticias da existencia de catro mámoas: unha no lugar da Fraga( Lendo), outra en Fofelle(Torás), e dúas no lugar das Medoñas(Coiro),estas últimas destruídas (Rodríguez Casal, 1975: 20).Tamén o topónimo Forno dos Mouros ( Silvoso-Soandres ), pode facer alusión a un monumento megalítico.

Da cultura castrexa consérvanse un total de once recintos castrexos, distribuídos por todo o territorio. Os máis coñecidos son o de Montescraros (Vilaño), citado xa por Carré Aldao(ca 1928-VI-3°:185), que recolle a lenda da galiña con pitos. Neste castro, segundo nos informa A.Rodríguez Casal, apareceu abundante cerámica.E o castro de Santa Baia, coñecido polo nome da Croa, que destaca pola súa situación estratéxica non alto dun monte escarpado, rodeado por un pequeño muro defensivo(Rodríguez Casal, 1975:42).No lugar de Lendo apareceron dous machados de tope da Idade de Bronce.

Sobre a presencia romana, Carré Aldao, fálanos da existencia dunha vía romana que seguía o curso do Anllóns ata empatar nas Encrobas coa procedente de Iria, en dirección Á Coruña. Na igrexa de Santiago de Vilaño, atopouse un miliario no ano 1987, cando se realizaron as obras de restauración, datado cara a mediados do século IV, correspondente á época do emperador Magnentio. Tamén no mosteiro de Soandres apareceu unha ara romana dedicada a Hércules, mandada repicar durante a visita pastoral do cardeal Del Hoyo, por incitar ó culto pagán(Del Hoyo, 1607:237).

Ós primeiros séculos da Idade Media pertecen os dous capiteis prerrománicos que fan de pía de auga bendita na igrexa de Santa Mariña de Lemaio(Carré Aldao, ca 1928-VI-3°:180).Sen embargo, o resto histórico medieval máis significativo é a igrexa de San Pedro de Soandres, que nos amosa a importancia que tivo o mosteiro ubicado neste lugar, ó que pertencían a maior parte das terras das parroquias do contorno. A documentación máis antiga na que aparece citado este centro relixioso data de finais do século X, pero a súa fundación foi anterior. Nos primeiros anos recibiu importantes doazóns tanto da nobreza laica coma eclesiástica. Durante os últimos séculos da época medieval, a nobreza local foise adonando de boa parte dos seus bens, feito que denunciaron reiteradas veces os monxes ue o habitaban(García Gómez, 15-8-90).

No ano 1495, Soandres anexiónase a San Martiño Pinario de Santiago, convertíndose en priorado.

As torres de Cillobre, situadas na parroquia de Santa María de Torás e os seus moradores, a familia Pardo das Mariñas, xogaron un papel importante na historia medieval e moderna nas terras que na actualidade ocupa o concello da Laracha. O primeiro señor de Cillobre, do que temos constancia foi Martín Sánchez das Mariñas, que aparece nun documento de 1416, cando o rei Xoán II, toma baixo a súa protección o mosteiro de Soandres á petición do seu abade Fernán García, para que tanto este nobre coma o seu fillo, Ares Pardo das Mariñas, deixaran a encomenda dos bens que tiñan de dito mosteiro, polos abusos cometidos(García Gómez, 16-8-88).Isto ponno de manifesto a antigüidade da casa de Cillobre, da que na actualidade non quedan máis vestixios que parte dos muros da casa-pazo, cercada por unha parede de pedra, e a capela de San Roque. Os restos da cantería foron utilizados para a construcción da ponte do Formigueiro que se fixo sobre o Anllóns.


Polos símbolos do escudo que se conservaba no portalón de entrada da casa de Cillobre, agora no pazo de Oca; así coma polos datos que nos aporta Carlos Martínez Barbeito(1986:209), ademais da familia dos Mariñas, habitaron esta casa os Bolaño, os Ribadeneyra, os Parragués, os Soutomaior e os Moscoso.

O que nun principio foi unha construcción defensiva, de aí o nome de Torres, convertiríase máis tarde, nunha casa señorial que Carré Aldao (ca 1928: 176) polos anos vinte nola describe deste xeito:"A antiga fortaleza que aínda chaman Torres de Cillobre, perdeu todo o seu carácter pola transformación que sofreu. Foron derrubados os seus torreóns en máis da metade da súa altura para construír casas de labregos. Fórmana agora unha serie de edificacións, sendo a principal a casa-pazo de planta cadrada, tan sólida, que os seus muros teñen máis de dous metros de espesor. A ela dá acceso un portalón moderno que se abre ó lado dereito da estrada da Coruña a Fisterra, no que na súa parte superior loce un fermoso escudo de armas dos antigos señores".

Ademais das desaparecidas Torres de Cillobre, dentro do concello da Laracha, houbo casa señorial en Paradela(Soandres), tamén desaparecida, pertencente á familia dos Valdés, segundo nos amosaba o escudo que locía nun dos esquinais;en Lemaio, das familias García das Pardiñas e Rodríguez Arijón; en Caión, dos Bermúdez de Castro, condes de Graxal;en Vilaño dos Arijón e Caamaño; e no Viso( Montemaior), unhas torres que tampouco se conservan, pertencentes os Bermúdez de Castro.

Durante o Antigo Réxime, a meirande parte das parroquias que na actualidade configuran o concello da Laracha, pertencían á xurisdicción de Bergantiños(Vilaño, Coiro, Lestón, Soutullo e Torás). Erboedo, Lendo e Lemaio, constituían a xurisdicción de Erboedo baixo o señorío de Joaquín de Oca. Montemaior formaba un couto redondo que dependía dos Bermúdez de Castro e Pardiñas. Soandres era, como xa indicamos, priorado de San Martiño Pinario. E por último, Caión, que estaba considerada como vila, baixo o dominio do Marqués de Alcañizas (Jamardo, 1993-V: 79).

Cando no ano 1821, se constitúen os primeiros concellos, o que hoxe comprende o municipio larachés, figuraba na parroquia de Coiro, integrado no partido xudicial de Sísamo(Carballo).

Na división definitiva levada a cabo en 1836, trasládase ó lugar da Laracha, na parroquia de Golmar, por estar integrada na de Soutullo ata 1867 (Ibidem 80, 81).

A mediaados do século XIX, segundo nos informa Madoz( ca 1845-T.IV: 695),este concello tiña unha poboación de 1336 veciños, o que correspondía a unha poboación aproximada de 6354 habitantes(almas). Producía cereais, legumes e froitas, tendo como industria: muíños, teares e algunhas telleiras. Contaba con sete escolas, ás que asistían un total de 130 rapaces.

Paiosaco, era o principal núcleo comercial, no que se celebraba feira o primeiro e terceiro domingo de cada mes. Deste núcleo partían os principais camiños cara a Santiago, Fisterra e Malpica. A primeira estrada que se trazou no municipio foi a procedente da Coruña, obra realizada a mediados do século XIX.

Na Laracha naceu Lino Gómez Canedo (1908-1990).Comezou os seus estudios en Herbón(Padrón), para logo continualos en Ourense, Santiago e Roma. Dedicou toda a súa vida á investigación histórica, percorrendo moitos países de Europa e América na busca de documentación sobre o cardeal Cisneros, a colonización española en Hispanoamérica, e a historia da Orde Franciscana, á que pertencía, publicando numerosos traballos sobre estes temas.

 

 


<< página anterior             pasa página >>


 

   

 

Tiochucho & Company Tódolos Dereitos Reservados Resolución 800x600 Última Actualización Agosto 2002